32nd International IBBY Congress - 32º Congreso Internacional de IBBY

The strenght of minorities - A forza das minorías - La fuerza de las minorías

Index
Conferenciantes > Nome a nome

Nome a nome

A partir de hoxe iremos anunciando, nome a nome, quen serán os conferenciantes e integrantes de mesas redondas que van a participar no noso congreso. He aquí o noso primeiro avance.

Julinda Abu-Nasr (Líbano)
Directora durante moitos anos do Institute of Women’s Studies in the Arab World da Lebanese American University e vicepresidenta da sección libanesa de IBBY. Coordinará a mesa redonda sobre o impacto da cuestión de xénero na literatura infantil e xuvenil.

Carmen Barvo (Colombia)
Editora, xornalista e directora da Fundación para el Fomento de la Lectura (Fundalectura), sección colombiana de IBBY. Foi directora do Centro Regional para el Fomento del Libro en América (CERLALC) e consultora internacional en temas do libro, lectura e dereitos de autor. Participará no Panel de Centros de Investigación e Promoción da Lectura.

Carole Bloch (Sudáfrica)
Colaboradora do Project for the Study of Alternative Education in South Africa (PRAESA), entidade de investigación asociada á Faculty of Humanities da University of Cape Town, e coordinadora do proxecto Stories Across Africa, dedicado á creación de materiais literarios para fomentar o aprendizaxe da lectura en contextos plurilingües. Participará na mesa redonda sobre tradición oral e minorías sen literatura escrita.

Lygia Bojunga (Brasil)
Unha das máis importantes escritoras da literatura brasileira. Ao longo de 5 anos estivo á fronte dunha escola para combater o analfabetismo nas zonas rurais e nos últimos anos dirixe o proxecto literario, editorial e social “Casa Lygia Bojunga”, con sede no barrio carioca de Santa Teresa. Premio Hans Christian Andersen 1982 e Astrid Lindgren Memorial Award 2004. Disertará sobre a súa especial vinculación co libro na súa conferencia sobre “LIVRO – eu te lendo”.

Fina Casalderrey (Galicia, España)
Escritora e profesora de ensino secundario. Autora dunha amplísima obra, conta con diversos galardóns como o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1996. Participará na mesa redonda sobre a literatura infantil e xuvenil e as minorías lingüísticas.

Pedro Cerrillo (Castilla-La Mancha, España)
Director do Centro de Estudios y Promoción de la Lectura y Literatura Infantil (CEPLI), Profesor de Literatura da Universidad de Castilla-La Mancha. Coordinará o Panel de Centros de Investigación e Promoción da Lectura.

Philippe Claudet (Francia)
Profesor e colaborador da Asociación e Editorial francesa “Les Doigts Qui Rêvent”, especializada na produción de libros táctiles ilustrados para nenos cegos. Coordinará a mesa redonda sobre “Ler dende necesidades especiais”.

Teresa Colomer (Cataluña, España)
Unha das máis destacadas investigadoras e especialistas da literatura infantil e xuvenil. Doutora en Ciencias da Educación. Profesora titular do Departamento de Didáctica da Lingua e a Literatura da Universitat Autónoma de Barcelona. Na súa conferencia reflexionará sobre a situación de minoría que pode estar a vivir a creación literaria para nenos e mozos no conxunto da cultura. “A literatura infantil: unha minoría dentro da literatura”.

Heidi Cortner Boiesen (Noruega)
Bibliotecaria e Directora do Centro de Documentación IBBY dos Libros para Nenos con Discapacidades. Participará na mesa redonda sobre “Ler dende necesidades especiais”.

Elisabeth D’Angelo Serra (Brasil)
Secretaria Xeral da Fundação Nacional do Livro Infantil e Juvenil, sección brasileira de IBBY, desde 1989, onde coordina as actividades internacionais. Dirixiu a Biblioteca Pública do Estado de Río de Xaneiro en 2003. Coordinará a mesa redonda sobre a literatura infantil e xuvenil e as minorías lingüísticas.

Carmen Diana Dearden (Venezuela)
Editora vinculada a Ediciones Ekaré, empresa pioneira na publicación de libros infantís en América Latina. Directora do Banco do Libro de Venezuela, sección do IBBY neste país galardoada en 2007 co Astrid Lindgren Memorial Award. Coordinará a mesa redonda sobre a ilustración como ferramenta de representación de minorías.

Teresa Duran (Cataluña, España)
Escritora, ilustradora e especialista en ilustración. Doutora en Pedagoxía e profesora do Departamento de Didáctica da Educación Visual e Plástica de Formación do Profesorado na Universitat de Barcelona. Participará na mesa redonda sobre a ilustración como ferramenta de representación de minorías.

María Luz Esteban Saiz (Madrid, España)
Directora Técnica da Fundación CNSE para la Supresión de las Barreras de la Comunicación, fundación creada en 1998 pola Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE), co obxectivo de suprimir as barreiras de comunicación, mellorar a calidade de vida das persoas xordas e fomentar o recoñecemento da linguaxe de signos. Participará na mesa redonda sobre “Ler dende necesidades especiais”.

Victoria Fernández (Cataluña, España)
Especialista en literatura infantil e xuvenil. Directora da revista Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil (CLIJ) e colaboradora habitual nas seccións dedicadas ao libro infantil e xuvenil en varios medios de comunicación. Participará na mesa redonda sobre a importancia da cuestión de xénero na literatura infantil e xuvenil.

Emilia Ferreiro (Arxentina / México)
Doutora en Psicoloxía Xenética pola Universidade de Xenebra (Suíza). Unha das grandes autoridades internacionais en temas de alfabetización e adquisición da lingua escrita. Disertará sobre o impacto das situacións de diversidade no proceso de acceso á lingua escrita: “A diversidade no achegamento ao escrito: obstáculo ou vantaxe pedagóxica?

Víctor F. Freixanes (Galicia, España)
Escritor y editor responsable da Editorial Galaxia, empresa pioneira na edición de literatura infantil e xuvenil en Galicia, e bo coñecedor das industrias culturais en contextos minorizados. Está prevista a súa participación no panel de editores.

José António Gomes (Portugal)
Escritor e profesor na Faculdade de Educação do Instituto Politécnico do Porto. Dirixe a revista Malasartes e é Vicepresidente da Asociación de Investigadores de Literatura Infantil e X/Juvenil (ELOS-ANILIJ). Participará no Panel de Centros de Investigación e Promoción da Lectura.

Piet Grobler (Sudáfrica / Inglaterra)
Ilustrador cunha ampla obra tanto na banda do cómic como para diversas publicacións e para as máis sobranceiras editoriais surafricanas e europeas. Conta con destacados premios polo seu labor na ilustración infantil e xuvenil. Participará na mesa redonda sobre a ilustración como ferramenta de representación de minorías.

Jacqueline Kergueno (Francia)
Fundadora da revista Planète Jeunes e editora cunha ampla experiencia en publicacións periódicas para nenos e mozos. Participará na mesa redonda dedicada á edición.

Mariasun Landa (País Vasco, España)
Licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de París. Na actualidade é docente na Euskal Herriko Unibertsitatea-Universidad del País Vasco. Escritora de literatura infantil e xuvenil de gran proxección internacional, labor que foi recoñecido co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2003 e co seu nomeamento ao Premio Hans Christian Andersen en 2008. Participará na mesa redonda sobre o tratamento da cuestión de xénero na literatura infantil e xuvenil.

Gemma Lluch (València, España)
Investigadora e profesora na Facultad de Filología, Traducción y Comunicación da Universitat de València. Participará no Panel de Centros de Investigación e Promoción da Lectura.

Catherine Mitchell (Canadá)
Editora vinculada á editorial Tundra Books, galardoada en 2004 co Premio Claude Aubry en recoñecemento da súa labor no campo da literatura infantil canadense. Participará na mesa redonda dedicada á edición.

Miriam Gabriela Möllers (Alemania)
Coordinadora de eventos e proxectos enfocados hacia a “Literatura infantil e xuvenil International” e o “Arte da Ilustración”, e na actualidade directora do programa “White Ravens” iniciado pola Biblioteca Internacional Xuvenil de Múnic. Participará na mesa redonda sobre literatura infantil e xuvenil e as minorías lingüísticas.

Victor Montejo (Guatemala / Estados Unidos de América)
Escritor, doutor en Antropoloxía e profesor no Department of Native American Studies da University of California, Davis. Plasmou as súas raíces no pobo maia jacalteca e os seus coñecementos dos idiomas maias nas súas obras literarias. Na actualidade adícase á investigación sobre os pobos indíxenas de América Central e á creación literaria. Na súa conferencia plenaria falará sobre a visibilidade cultural dos pobos indíxenas: “Seguindo os pasos do Maya Ahtz’ib’ (Escritor): Literatura indíxena como fonte de coñecemento, poder e identidade”.

Gonzalo Moure (Asturias, España)
Xornalista e escritor de literatura infantil e xuvenil, cuxa obra foi galardoada con numerosos premios. Participará na mesa redonda sobre o tema “Ler dende necesidades especiais”.

Akoss Ofori (Ghana)
Editora vinculada á editorial africana Sub-Saharan Publishers. Participará na mesa redonda dedicada á edición.

Anne Pellowski (Estados Unidos de América)
Escritora, contadora, experta na produción oral e en multiculturalidade, é toda unha autoridade na literatura infantil mundial. Fundou e dirixiu o Centro de Información sobre a Cultura Infantil de Nova York, integrado en UNICEF, cargo que abandonou nos anos oitenta para se dedicar de cheo á narración oral e á escrita. Coordinará a mesa redonda dedicada á tradición oral e ás minorías sen literatura escrita.

Michèle Petit (Francia)
Antropóloga e investigadora do Centre National de la Recherche Scientifique, especialista na lectura en espazos en crise. Participará no Panel de Centros de Investigación e Promoción da Lectura.

Dolores Prades (Brasil)
Editora e Xefa de Publicacións Xerais de Edições SM (Brasil). Participará na mesa redonda dedicada á edición.

Miguelanxo Prado (Galicia, España)
Ilustrador de recoñecido éxito a nivel galego, nacional e internacional. Dende 1998 dirixe o salón de cómic da Coruña “Viñetas desde o Atlántico”. Membro desde 2009 da Real Academia Galega de Belas Artes. Participará na mesa redonda sobre a ilustración como ferramenta de representación das minorías.

Swati Raje (India)
Escritora e reporteira especializada en literatura infantil. Fundadora e presidenta de “Bhaashaa: Centro para a Preservación e o Fomento dos Idiomas Rexionais”. Participará na mesa redonda dedicada á tradición oral e ás minorías sen literatura escrita.

Devika Rangachari (India)
Investigadora e recoñecida escritora de literatura infantil, pois ten no seu haber dezanove premios nacionais. Doutorouse en historia india na Universidade de Nova Delhi. Participará na mesa redonda arredor da influencia da cuestión de xénero na literatura infantil e xuvenil.

Manuel Rivas (Galicia, España)
Ensaísta, novelista, poeta e xornalista galego cuxa obra xestada en Galicia e en lingua galega acadou un extraordinario eco nacional e internacional e conta con traducións a diversas linguas. Premio Nacional de Narrativa 1996 e Premio da Crítica 1989, 1998 e 2006. Disertará sobre “A literatura infantil e xuvenil dende (como) insurxencia poética”.

Antonio Rodríguez Almodóvar (Andalucía, España)
Escritor, experto en literatura de tradición oral. Publicou estudos centrados na teoría da narración e do texto poético e multitude de análises e recuperacións de contos populares hispánicos. Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2005. Membro da International Society for Folk Narrative Research. Participará na mesa redonda dedicada á tradición oral e ás minorías sen literatura escrita.

Blanca Roig (Galicia, España)
Profesora de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, Coordinadora da Rede “Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIJMI) e Presidenta da Asociación Galego Portuguesa de Investigadores en Literatura Infantil e X/Juvenil (ELOS-ANILIJ). Participará no Panel de Centros de Investigación e Promoción da Lectura.

Jant van der Weg-Laverman (Holanda)
Investigadora e especialista na lingua e literatura frisona. Foi presidenta da sección holandesa de IBBY e membro do Comité Executivo de IBBY (2004-2006). Participará na mesa redonda sobre a literatura infantil e xuvenil e as minorías lingüísticas.

Gita Wolf (India)
Destacada editora de Tara Books, editorial con sede en Chennai (India), que mima a edición e ofrece obras de diversos xéneros de una alta calidade literaria e artística. Ademais é autora dun bo número de títulos para o público infantil e adulto e cos que gañou prestixiosos premios internacionais, entre eles o Bologna Ragazzi Award de 2010. Na súa conferencia falará da importancia da labor editorial para o recoñecemento de culturas e linguas minorizadas: “Visións alternativas: o poder das minorías”.

Eng. Mohammad Yousef (Afganistán)
Fundador fai quince años da ONG “Aschiana”, que se dedica a axudar aos nenos que viven na rúa en Kabul e outras cidades afganas, ofrecéndolles asistencia e vías de educación e de formación profesional. As experiencias, froito desta actividade, serán o tema da súa conferencia sobre “Os nenos da rúa e a lectura: unha visión dende Afganistán”.