32nd International IBBY Congress - 32º Congreso Internacional de IBBY

The strenght of minorities - A forza das minorías - La fuerza de las minorías

Index
Vémonos en Santiago! > Excursións e rotas turísticas

Excursións e rotas turísticas

Para quen chegaron dende lonxe e queren aproveitar a súa estadía en Santiago de Compostela para coñecer mellor o norte de España e Portugal, querémoslles facilitar a posibilidade de visitar esta fermosa parte da Península Ibérica. Teredes, dunha banda, a posibilidade de consultar o material de información turístico que poñemos á vosa disposición nesta páxina e organizar pola vosa conta unha rota turística que se axuste aos vosos intereses e ao tempo do que dispoñedes. Doutra banda, teredes a posibilidade de apuntarvos a excursións de un ou varios días, organizadas pola Axencia Sant Yago, que vos achegará de maneira fácil aos lugares máis belidos e interesantes de Galicia. 


Preparade o voso plan de viaxes persoal e consultade a información que atoparedes aquí. Para recibirdes máis información sobre como organizar a viaxe, contactade coa Axencia Sant Yago.


Rotas dun día
Ofrecémosvos sete rotas a través das cales poderedes coñecer as paisaxes máis emblemáticas de Galicia, dende as fermosas costas das Rías Altas, as Rías Baixas, a raia de Portugal, ata as paraxes máis agrestes do interior de Galicia e as cidades máis fermosas do patrimonio cultural galego e mundial: A Coruña coa romana Torre de Hércules, Lugo e a súa Muralla Romana e Ourense coa súa milenaria fonte de augas cálidas. Tamén se ofrecerán excursións á costa galega coas súas incomparables praias e as súas impresionantes paisaxes. Estas excursións organizaranse nos días seguintes á clausura do Congreso, de maneira que será posible participar en varias delas sempre que contemos cun mínimo de 20 persoas. Poñeremos, máis adiante, á vosa disposición a posibilidade de facer reserva de prazas para as excursións que sexan do voso interese. Naturalmente, esta oferta poderase ampliar se unha grande demanda así o require. Tamén estudamos a posibilidade de ofrecer algunha destas rotas para os acompañantes que desexen facer unha excursión durante os días do Congreso. De ser así, pregámosvos que vos poñades en contacto coa Axencia Sant Yago.


Excursións programadas o día 13 de setembro de 2010
Rías Altas
Ourense e a Ribeira Sacra
Rías Baixas e paisaxes de “Mar Adentro”

Excursións programadas o día 14 se setembro
Fisterra e a Costa da Morte
Lugo e a Muralla Romana

Excursións programadas o día 15 de setembro
Rías Baixas
Vigo e Portugal


O Camiño de Santiago
¿Interésavos facer durante uns días o Camiño de Santiago para coñecer esa especial maneira de achegarse a Santiago de Compostela? En función dos vosos intereses e do tempo do que dispoñades, poderedes facer unha ou varias etapas do Camiño de Santiago. Podedes contactar coa Axencia Sant Yago, que vos facilitará a organización das etapas do Camiño de Santiago que desexedes percorrer.


Coñecer Galicia, España e Portugal 
Ofrecémosvos tamén información sobre outros posibles destinos turísticos por se vos apetece aproveitar os días posteriores ao Congreso para visitar outros lugares que paga a pena coñecer. Aquí van as nosas suxestións.


Turismo en Galicia
Podedes visitar outros lugares no resto de Galicia, o país dos mil ríos, de fermosas praias e acantilados e con interesantes vilas no interior nas que perderse. Recomendámosvos un percorrido polas distintas posibilidades que ofrece a páxina www.turgalicia.es


Turismo en España
Outra alternativa é a denominada España verde, que comprende o Norte de España (Asturias, Cantabria e o País Vasco), onde atoparedes unha ampla e variada oferta de fermosas paisaxes de montaña, unha costa abraiante, parques naturais, monumentos milenarios e museos. Unha visita a www.spain.info/ven/zonas-turisticas/Espana_Verde.html permitirá que os fagades unha idea.

Tamén paga a pena descubrir o patrimonio artístico e cultural da comunidade de Castela e León, para o cal vos suxerimos acceder á web www.turismocastillayleon.com , na que se ofrece un amplo conxunto de suxestións e posibles destinos.


Turismo en Portugal
Pola súa relativa proximidade, outra opción é visitar Portugal, un país cunha enorme variedade de atractivas propostas para se achegar á súa historia, á súa cultura e á súa gastronomía. En www.visitportugal.com poderedes elixir un itinerario en función das vosas preferencias e do tempo do que dispoñades.