Santiago de Compostela, a capital galega, é unha das referencias básicas da cultura e da historia europea. A peregrinación a Santiago forxou a identidade do continente e foi a vía de propagación da lírica medieval e da arte románica en Occidente. En Santiago e nos seus arredores residen hoxe unhas 150.000 persoas dos preto de tres millóns de habitantes que ten o noso país.
Santiago de Compostela, que ten unha importante sona como sede de congresos internacionais, é unha das cidades de España con maior afluencia de visitantes debido ao seu patrimonio histórico e artístico. A súa cidade vella integra a arte e a arquitectura románica, renacentista e barroca. Por esa razón a UNESCO declarou a Santiago de Compostela como Patrimonio da Humanidade en 1985, o Consello de Europa premiouna co seu máis alto galardón en 1985 e a Unión Europea designouna Capital Cultural europea en 2000. Os seus festivais de cine e teatro, as exposicións e os concertos internacionais fan de Santiago unha das cidades máis dinámicas e vibrantes no eido cultural.
Santiago, ademais, é unha cidade moderna e competitiva, con espazos para o lecer e para o estudo, e cunha universidade de máis de 500 anos de historia que é todo un referente na cultura e na ciencia europea.
Todos estes factores axudan a construír unha cidade nova, acolledora, aberta ás máis innovadoras tendencias da arquitectura mundial, na que traballaron arquitectos como Hejduk, Siza ou Rossi. O arquitecto americano Peter Eisenman deseñou nos últimos anos a Cidade da Cultura, un proxecto en construción que conformará un extraordinario complexo cultural e arquitectónico.
Organiza:
OEPLI, Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil IBBY, International Board on Books for Young PeoplePatrocina:
Ministerio de Cultura, Gobierno de España Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural Concello de Santiago Fundación Cidade da Cultura de Galicia Fundación SM Ano da Lectura 2010 Plan de Fomento de la Lectura Xacobeo 2010